Monday 16 de September de 2024

A Pobra prepárase para despedi-lo Verán Cultural con moita música


O Verán Cultural está a piques de rematar na Pobra do Caramiñal: “En dúas semanas despediremos a programación que dinamizou as nosas rúas con accións culturais nos meses de xullo e agosto. Máis de vinte propostas nas cales non faltaron a música, o baile, o teatro, os espectáculos… E, nesta semana, deixamos atrás un ano máis a festa do Carme dos Pincheiros, pero contaremos nos vindeiros días con catro actividades protagonizadas pola música”, declara a concelleira da Cultura, Patricia Lojo.

Culturactiva Producións levará Máis saaabor no xoves, 22, ás 20.30 horas, ao Cantón da Leña. Trátase dun espectáculo dirixido a crianzas que chega coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Félix Rodríguez e Fran Rei convértense en dous recoñecidos chefs que ofrecerán un menú moi musical con ingredientes como a maxia, o humor, o ritmo e a interacción co público. O seu foodtruck chega con infinidade de xogos cómicos, máxicos e moitos trebellos para cociñar música.

O son collerá intensidade no venres, 23, coa Gala Lírica de Zarzuela que terá lugar na praza do Alcalde Segundo Durán, ás 22.00 horas.

The Rapants actuará no sábado, 24, ás 20.00 horas, na punta Cabío, ao abeiro do festival Paisaxes Sonoras 2024, promovido pola Mancomunidade Barbanza Arousa. Este ciclo mestura paisaxe e música para ofrecer un produto cultural de calidade con valor engadido e dar a coñece-lo territorio dunha maneira diferente. As entradas pódense adquirir na seguinte ligazón:
https://entradas.ataquilla.com/gl/ventaentradas/conciertos/195-varios-espacios-paisaxes-sonoras/x3agadht-paisaxes-sonoras-2024-abono-4-concertos

E a Banda de Música Ateneo Musical da Pobra dará o concerto de película II no domingo, 25, ás 22.00 horas, na praza do Alcalde Segundo Durán.